A ‘Xarandeira’, da A.C.D. Fasquía, gaña a novena Regata do Bao

regatadobao_100_060807__still_002.jpgA ILLA > A Regata do Bao, na Illa de Arousa, estivo organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Dorna.

A saída efectuouse dende terra, co pau na man e a vela sen montar, unha das principais características desta proba, na que tódlos participantes corren cos aparellos na man ata as embarcaccións para montalos e comeza-la carreira.

O percorrido consiste en dar dúas voltas a un triángulo situado fronte á praia do Bao, saída e chegada desta regata á que acudiron clubs de toda Galicia. En total participaron 36 embarcacións de Vilanova, Cangas, Portonovo, Cambados, Ribeira, O Grove e, por suposto A Illa, a onde pertencían as dúas dornas gañadoras. A primeira en completa-lo percorrido foi A Xarandeira, da Asociación Fasquía, mentres que a segunda, a Nécora, pertence á Asociación Dorna. O terceiro posto foi para Mañansiña de Ribeira.

As vindeiras citas das embarcacións tradicionais serán o día 18 coa oitava Regata do Albariño, en Cambados e o día 25 coa Regata Calmoseira, entre Cambados e a Illa.

Redacción Salnés