O novo delegado de Política Territorial repasa o estado de varias obras

    delegadopoliticaterritorialrianxo_100_070807.jpgRIANXO > O novo delegado de Política Territorial na Coruña, Alberto González Pérez, entrevistouse co alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida.

    O motivo da súa visita a Rianxo non era outro que repasa-lo estado de tramitación e execución de varias obras que o seu departamento ten comprometidas no municipio rianxeiro, tratando ademais doutras novas actuacións.

    A primeira das actuacións que pretende levar a cabo a Consellería de Política Territorial en Rianxo ten como finalidade a mellora da seguridade vial en distintos puntos da estrada AC-305 ó seu paso polo municipio.

    Trátase concretamente de dous puntos conflitivos e nos que se rexistran numerosos accidentes como é o caso das curvas de Outeiro en Taragoña e a zona da Casilla no Araño. As obras prevén a construción no primeiro dos puntos dun petril, así como a instalación dunha nova capa de rodadura antideslizante nas dúas zonas para evitar a saída de vía dos vehículos.

    O rexedor local tamén lle trasladou ó delegado a necesidade de acometer unha actuación na zona de Fincheira, na estrada que vai dende Rianxo a Leiro, debido ó embotellamento que se produce no lugar. Esta actuación traería consigo ter que expropiar varias vivendas alí emprazadas e que neste momento fan máis estreita a estrada.

    Durante o encontro o alcalde rianxeiro tamén lle transmitiu a súa preocupación, pola situación que están a padece-los veciños de Taragoña debido ás obras de construción da autovía.

    Actuacións en Boiro

    Posteriormente Alberto González Pérez traladouse ata o municipio veciño de Boiro onde se reuniu co alcalde, Xosé Deira e co tenente-alcalde, Xoán Xesús Ares, para analizar tamén diversas obras que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, está a desenvolver neste municipio

     Un dos asuntos que se abordou foi o da construción da nova ponte sobre o río Coroño, proxecto para o que se está a redactar un novo convenio entre ambas administracións e que se espera adxudicar este mesmo ano.

    Na xuntanza tamén se falou doutra actuación xa aprobada como é a dotación de sendas peonís á estrada AC-305 dende Ponte Beluso a Ponte Brea por importe de máis de 128 mil euros e de Ponte Brea a Vilariño por máis de 214 mil, que tamén está en fase de adxudicación, trámite que o Delegado Provincial comprometeuse a axilizar para reforzar a seguridade viaria nesta estrada.

    A maiores, tratouse sobre novos proxectos beneficiosos para os veciños deste concello, como é a ampliación das sendas peonís en Vilariño ata Carrofeito, xusto onde estará o futuro enlace da autovía do Barbanza, obra que haberá que realizar en coordinación con Sacyr, empresa adxudicataria das obras de conversión da vía rápida en autovía.

    Así mesmo os membros do executivo boirés tamén lle plantexaron ó Delegado Provincial da Consellería de Política Territorial a necesidade de acomete-la continuación con sendas peonís desde Ponte Goiáns ata Escarabote pola marxe esquerda, igualmente na AC –305, acordando realizar un proxecto para este fin.

    Por outra banda, tamén lle solicitaron que se axilizasen os trámites administrativos, por parte da Administración Autonómica, para que se poida amplia-lo actual cemiterio da parroquia de Abanqueiro. Finalmente, Xosé Deira e Xoán Xesús Ares trasladáronlle a Alberto González Pérez a intención do concello de revisa-lo PXOM, para o que se acollerá a unha liña de subvencións que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte ten deseñadas a tal fin.

    Redacción Barbanza