A mina de San Finx pode traer novidades no mapa de Muros e Noia

A polémica da mina de San Finx estivo moi presente ao longo da campaña e podería traer novidades no mapa político de Muros e Noia.

En Outes, Manuel González conta con seguir á fronte do Concello, logo de arrebatarlle o poder ao PP fai agora catro anos. González volve liderar a candidatura de Compromiso Outes. Haberá que ver que impacto deixa a renovación de candidatos no PP, agora con Fran Calo, e no BNG, onde Anxo Núñez pasa a ser o cabeza de cartel.

O escenario está máis aberto en Noia. Santiago Freire, do PP, e Marisol Villar, do NOIA (Noienses Independentes Agrupados), volven ser os candidatos das súas formacións. Nestes momentos comparten goberno bipartito, pero a esquerda di estar preparada para o cambio. No PSOE elixiron como novo candidato a Fran Pérez, unha persoa moi coñecida na vila: é o expresidente do colectivo empresarial Noia Histórica. Na Marea repite Manolo Seijas e, no BNG, Ricardo Suárez.

As cousas semellan máis claras en Muros. A popular Inés Monteagudo conta con seguir catro anos máis na alcaldía. Tampouco prevé unha noite tensa Luis Oujo en Porto do Son. O popular é alcalde desde 2011 e conta con renovar a maioría absoluta que tamén agardan os populares en Lousame, de novo con Teresa Villaverde.