![]()
CAMBADOS > O Conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal visitou esta tarde ás labores de recepción de uva en dúas adegas da comarca do Salnés; Martín Códax e Condes de Albarei.
Con esta visita, o titular do ente autonómico quixo simbolizar o apoio do seu departamento a este sector do que se esperan resultados importantes este ano. Neste sentido, Suárez Canal destacou “ a aposta clara, definida e continuada a favor de viticultores e adegas de todas as denominacións de orixe galegas, co obxecto de incrementar a produción de calidade e de acadar cotas de mercado máis significativas para os nosos viños, xa que na actualidade se atopan en condicións de competir en termos de igualdade en canto a calidade”.
No total das cinco denominacións de orixe agardase que se recollan un total de 47.000 toneladas de uva, o que significa un incremento superior ó 14 % respecto á anterior anualidade. Agora, tal e como salientou o Conselleiro, os retos de futuro pasan por facerlle chegar este producto de calidade ó mundo enteiro, mediante un aumento das exportacións.
Suárez Canal fixo fincapé, nun dos aspectos nos que máis se incidiu desde o goberno galego nesta Denominación de Orixe Rias Baixas; a promoción exterior e a profesionalización comercial das adegas, ó poñer en marcha medidas concretas para dotar de persoal comercial especializado a este sector, de cara a favorecer a promoción exterior.
Redacción Salnés









