Multitudinario pregón da actriz Carolina Cerezuela en Sanxenxo

    SANXENXO > A coñecida protagonista de ‘Camera Café’ abriu as festas de Sanxenxo cun pregón dado na Praza dos Barcos. Esta alacantina de 27 anos que acadou a fama como actriz de televisión, é tamén presentadora e modelo. As festas prolongaranse durante 13 días.

    carolinacerezuela_300_240807__still_001.jpgO pistoletazo de saída das festas deuno a alcaldesa, Catalina González, este mediodía co lanzamento do tradicional chupinazo dende o balcón da casa consistorial. Chupinazo que estivo acompañado pola banda de música municipal de Meaño e do grupo de gaitas de Portonovo que acompañaron á corporación municipal ate a Praza dos Barcos onde se inaugurou a novena edición da Feira do Mel.

    Feira que este ano se trasladou dende o seu antigo emprazamento na Praza do Pazo ate o peirao. Catro son os postos que coma cada ano ofertan todo tipo de productos elaborados con mel. Os que se achegaron este mediodía ate Sanxenxo tamén puideron probar o producto acompañado de iogur, galleta e queixo. Unha degustación gratuíta que congregou a centos de veciños e turistas que agardaban impacientes para probar a mel.

    Actividades mañá

    As festas continúan mañá coa celebración do Día do Turista e da tradicional sardiñada na que se repartirán gratuitamente máis de 3.000 racións de sardiñas asadas. O convite empezará as 12:00 horas no recinto portuario aínda que a xornada comezará as 10:00 horas cun pasarúas e alborada a cargo de Os Gatiños de Portonovo e a Banda de Música de Chapela. En total serán 1.000 quilos de sardiñas as que se cociñen mañá en Sanxenxo acompañados por 320 barras de pan, tres cuartas de viño e 1.000 botellas de auga. Xa pola tarde terá lugar a misa solemne en honra ó patrón San Xenxo seguida dunha procesión polas rúas da vila.

    A xornada festiva do sábado rematará co concerto de Shaila Dúrcal na Praza do Mar onde presentará ó público o seu primeiro traballo ‘Recordándote’ co que xa conseguiu un Disco de Ouro en España. O comezo das festas en honra a San Xenxo estivo acompañado polo bo tempo e por unha afluencia masiva de xente que fai previsible un bo balance de asistencia nestas datas.

    Redacción Salnés