Ribadumia acollerá unha andaina a favor de TDAH Salnés no marco da Festa do Tinto do Salnés

RIBADUMIA>  Ribadumia  segue pouco a pouco dando a coñecer actividades relacionadas coa Festa do Tinto. Hoxe prsentaron a oitava edición da andaina solidaria que ten lugar no domingo da festa, o día 2 de xuño. Os fondos que se recaden nesta actividade entregaránse á asociación TDAH Salnés.

Dende hai sete anos, a Festa do Tinto do Salnés é sinónimo tamén de solidariedade a través dunha andaina. Nesta LI edición, a cita será o domingo dous de xuño, percorrendo algún dos puntos máis fermosos de Ribadumia pola Variante Espiritual.

Este ano a andaina é a favor da asociación TDAH Salnés. Cada persoa que se inscriba na actividade poderá aportar para a causa a cantidade que considere. Do que se trata, explica o alcalde, é de que cada un dentro das súas posibilidades contribúa a que esta asociación siga desenvolvendo o seu importante labor.

Dende TDAH Salnés agradecen o xesto por parte do concello e da comisión que organiza a Festa do Tinto. Explican que o seu traballo require dun gran esforzo económico, para dar resposta dun xeito axeitado a todas as persoas que petan na porta do colectivo. Animan a participar na andaina, gozando do percorrido ao tempo que se apoia unha boa causa.

A ruta partirá ás 10 da mañá da rotonda dos Castaños. A escritora Eva Mejuto fará este ano de madriña desta iniciativa.