Os propietarios de Espiñeira inician o cobro polas expropiacións

    cobroexpropiacionsxestur_100_280807.jpgBOIRO > Representantes de Xestur achegáronse ó concello de Boiro para inicia-lo pago polas expropiacións ós afectados pola ampliación do polígono de Espiñeira.

    Os propietarios dos terreos afectados polas obras de ampliación do polígono industrial de Espiñeira en Boiro iniciaron o cobro pola expropiación dos seus terreos.

    Ata o concello boirés desprazáronse técnicos de Xestur, a empresa encargada de levar a cabo a urbanización do parque empresarial, entre os que se atopaba a súa xerente María Rodríguez.

    A empresa encargada de levar a cabo os trámites da segunda fase deste parque empresarial fixou en 3’80 euros o valor do metro cadrado dos terreos. Aínda así dende un primeiro momento o executivo boirés tratou de chegar a un bo entendemento cos propietarios afectados, e mesmo lles ofertou un prezo máis alto, de seis euros por metro cadrado. Houbo persoas que daquela aceptaron a proposta e asinaron un preacordo de cesión dos terros, pero Xestur decidiu iniciar posteriormente un proceso de expropiación incluíndo toda a superficie co fin de evita-la compra das fincas con fins especulativos.

    Investimento millonario

    A segunda fase do parque empresarial boirés conta con 70 mil metros cadrados, dos que aproximadamente uns 54 mil serán de uso empresarial e o resto para vías, aparcadoiros e zonas verdes. Contará con 24 parcelas dunha superficie que oscila entre os 1.500 e os 3.000 metros cadrados. A Consellería de Vivenda e Solo destinará un investimento de 4 millóns de euros a esta actuación e a realización dos traballos terá un prazo de execución de 6 meses.

    Dende o executivo local confíase en que as obras de ampliación poidan iniciarse canto antes, dando resposta deste xeito ás numerosas empresas que levan anos agardando para poder instala-las súas naves en Boiro. Aínda así dende o concello sinalan que a ampliación non satisfará a ampla demanda.

    Redacción Barbanza