As traballadoras da residencia DomusVi Ribaduamia ameazan con ir á folga se non melloran as súas condicións laborais

RIBADUMIA> As traballadoras da residencia DomusVi de Ribadumia convocan unha concentración para este venres. Denuncian as súas malas condicións laborais, os baixos salarios e a falta de persoal. A pinga que reborda o vaso é un cambio de quendas que se traduce nuns horarios abusivos. Segundo denuncian, hai empregadas que en 31 días libran 5 ou outras obrigadas a traballar nove días sen descanso. As traballadoras pídenlle ás familias dos residentes que as apoian porque, lembran, as súas condicións acaban repercutindo na atención aos maiores.

As traballadoras de DomusVi de Ribadumia pódeno dicir máis alto pero non máis claro. Convocan para este venres unha protesta diante da residencia para denuncia-las súas condicións laborais.

Aí esta, nestes momentos o seu principal problema. Porque ademais dos baixos soldos e da carga de traballo, a súa última loita céntrase nas quendas de traballo. A empresa acaba de modificalas creando, segundo denuncian, uns horarios abusivos.

Ante esta situación, a CIG convoca a mobilización deste venres, ameazando tamén cunha folga. Ademais, presentaron unha demanda nos xulgados de Pontevedra.

Na residencia de Ribadumia viven 150 usuarios e, malia ser privada, o 90% das prazas son financiadas pola Xunta. As traballadoras piden ás familias que se unan a elas, lembrando que as súas condicións de traballo acaban tamén repercutindo na atención aos maiores.

Nestes momentos en DomusVi Ribadumia traballan algo máis de 70 persoas, das que 20 están de baixa.