O BNG pregunta ó goberno polo grao de execución dos orzamentos de 2007

    olaiafernandez100_050907.jpgSALNÉS > O BNG condicionará o seu apoio ós orzamentos do Estado de 2008, en virtude do grao de cumprimento das contas vixentes…

    … A deputada no Congreso Olaia Fernández explicou hoxe que o seu grupo leva desde xuño pedindo explicacións ó goberno central sobre algunhas partidas referidas a Galicia.

    ‘A razón pola que facemos estas preguntas é porque necesitamos saber o grao de execución das partidas destinadas a Galicia, isto é fundamental para definir a postura do BNG na negociación dos presupostas de 2008’, indicou Olaia Fernández. Tal como adiantou o ministro Solbes estes días, o goberno ten previsto presentar as contas do vindeiro ano a finais deste mes ou primeiros de outubro.

    O BNG dubida dos investimentos que dende o goberno central se destinarán para a comarca do Salnés, como por exemplo os 150.000 euros que se dedicaron á rehabilitación do mercado de Vilagarcía que non chegou a executarse. O BNG pídelle ó goberno central que explique as razóns de por que ese proxecto non avanza.

    Segundo o BNG aínda quedan moitas preguntas sen responder respecto as actuacións presentadas no parlamento, como a proposta non de lei do paseo de Beiramar Vilagarcía – Vilaxoán, os 18 millóns de euros destinados ós accesos do porto de Vilagarcía, a iniciativa de construír vivendas públicas nos terreos dos antigos talleres da RENFE, o destino que terán os fondos europeos e a demanda de modificar os trazados dalgunha das vías que se atopan en mal estado no Salnés.

    COMARCA DE PONTEVEDRA

    Entre outras cuestións, o BNG está a preguntar polo grao de execución das obras da variante de Caldas, para a que se destinaron este ano 15 millóns de euros. Tamén sobre as diversas partidas incluídas no orzamento de Medio Ambiente sobre a recuperación da costa na provincia de Pontevedra, como 1,9 millóns de euros para o control da costa, millón e medio para a recuperación de sistemas no litoral e 1,4 millóns para accesos de uso público na costa.

    A circunvalación de Pontevedra entra neste paquete de preguntas dirixidas ó goberno central. Para o BNG ‘é urxente que o executivo asuma o compromiso de executar esta obra’, para a que hai reservados este ano 3 millóns de euros. Segundo indicou Olaia Fernández, a finais de xuño xa requiriu información sobre este asunto e o Ministerio de Fomento indicoulle que nese momento estaban pendentes do estudo de medio ambiente. A mesma preocupación a ten o BNG coas infraestructuras ferroviarias. Olaia Fernández afirmou que se hai algún avance nestas actuación é ‘pola súa perseverancia e insistencia do BNG’.

    Redacción Salnés