Cambados celebra ata o domingo unha Festa da Vieira diferente

    CAMBADOS > Este mediodía deu comezo en Cambados a sexta edición da Festa da Vieira. Unha celebración que este ano cambiou totalmente a súa filosofía: cambiou de data, cambiou de lugar e cambiou incluso de receitas. Pero mantén o mesmo espírito: a vieira de Cambados como auténtica protagonista. Ademais nesta ocasión a festa conta co apoio dos hostaleiros da vila e da Consellería de Innovación e Industria.

    festadavieira_300_140907_-_still_002.jpgA Festa da Vieira contou este ano co apoio dos hostaleiros cambadeses e da Consellería de Industria, o que contribuiu a modificar varios aspectos desta celebración. Por exemplo a data. Por primeira vez esta festa se trasladou a setembro coa intención de desestacionaliza-lo turismo, anque polo momento trátase dun cambio experimental.

    Segundo o alcalde de Cambados, Xosé Manuel Cores Tourís, trátase dunha decisión puntual para ver se consiguen alonga-la tempada e mellora-las vendas nos establecementos hostaleiros da vila. Deste xeito contribuirían co sector pero tamén axudarían a mellora-la calidade da celebración. O rexedor recordou que o Concello colabora con 12.000 euros nesta Festa da Vieira. Esa cantidade serve para ofrecer múltiples actividades culturais, como un festival de jazz que terá lugar mañá, sábado, ou un concerto de María do Ceo o domingo. Ámbolos dous serán ás 22:00 h. no auditorio da Xuventude.

    Pola súa banda a Consellería de Industria pagou a carpa instalada nos xardíns de Torrado a través dunha colaboración cos hostaleiros, que a delegada considera fundamental de cara ó futuro. Montse Prado asegurou o apoio do seu departamento a experiencias coma ésta que apoian ó turismo, ó comercio e á gastronomía galegas.

    festadavieira_200_140907_-_still_004.jpgPara a confraría de Cambados, fundadora desta festa, o paso dado este ano é fundamental para o futuro dun sector que aspira a duplica-la súa producción nos vindeiros anos e a conseguir importantes marcas de calidade. Benito González, patrón maior da confraría cambadesa, recordou que están loitando por conseguir varias marcas de calidade para a vieira e a zamburiña xa que o seu plan de trazabilidade fainas óptimas para conseguir estes distintivos.

    Dende este mediodía e ata o domingo pola noite, poderán degusta-la vieira de Cambados en catro preparacións diferentes no pazo de Torrado. O horario será de 12 da mañán a 3 da tarde e de 8 a 11 da noite. E poderán acompañar o prato con albariño Martín Códax e Terra de Asorey.

    Redacción Salnés