Os comuneiros de Vilagarcía súmanse á manifestación contra a modificación da Lei de Montes

VILAGARCÍA> Os comuneiros de Vilagarcía súmanse á manifestación, convocada para o vindeiro domingo en Santiago, contra a modificación da Lei de Montes. Dende a Mancomunidade de Montes cren que a reforma da norma suporá a desaparición paulatina do monte comunal. Cualifican os plans do goberno galego de auténtico “espolio”.

Os comuneiros do Salnés atenderon á chamada da Organización Galega de Comunidades de Montes: o vindeiro domingo van participar na manifestación convocada en Santiago contra a modificación da Lei de Montes Veciñais en Man Común e a redacción dun novo Plan Forestal, que está a impulsa-la Xunta. Entenden que as verdadeiras intencións do goberno galego baséanse na  privatización dos montes  de man común, algo que consideran un espolio. Segundo indican, a Xunta ten previsto que aqueles montes que incumpran algún artigo da lei de montes poderán declararse en “grave estado de abandono”. Iso suporía que ese monte sería engadido ó Banco de Terras, para entregarllo despois -din- a empresas forestais privadas por un período de 50 anos. Tamén podería declararse en “grave estado de abandono” aquelas “zonas sociais” do monte común  que non estean tendo un rendemento produtivo.

Os comuneiros entenden que con estes cambios na norma, o futuro do monte de man común está en perigo. Cren que con estas modificacións a Xunta o único que pretende é beneficiar ó sector do eucalipto e, nomeadamente, á pasteira ENCE.