SANTIAGO > Os veciños de Castroagudín viaxaron esta tarde ata o Parlamento galego para coñecer a posición que Política Territorial adoptou…
… ante as súas reclamacións sobre as obras da variante norte de Vilagarcía, ó paso pola súa parroquia. Os veciños aseguran que o proxecto que nun primeiro momento se lles dera a coñecer contemplaba a construción dun viaducto, e non o terraplén e a bóveda que se van levar a cabo. Uns cambios que segundo eles os prexudican e os van deixar illados.
Na sesión de preguntas do Pleno a deputada popular Marta Rodríguez Arias preguntoulle á Conselleira se tiña previsto facer algunha variación na execución desta obra para atender ás demandas dos veciños. A resposta da Conselleira non satisfixo ós veciños. María Xosé Caride asegurou que no Proxecto do trazado da Variante Norte deseñado e aprobado polo anterior goberno do PP, nunca existiu o viaducto que os veciños reclaman como alternativa á boveda e ó terraplén que se van construír agora.
A afirmación de Caride non coincide cos planos que os veciños mostraron logo, nos que si están proxectados non só un, senón varios viaductos. Segundo parece, estes planos, pertencentes ó proxecto ideado polo anterior goberno da Xunta, foron aprobados o 23 de xullo do 2003.
A reclamación veciñal foi apoiada polo goberno local de Vilagarcía, e os veciños pídenlle á alcaldesa que cumpra á súa promesa de facer as xestións necesarias para cambia-lo proxecto. Algo que parece cada vez máis difícil pois as obras para a construción do terraplén e a bóveda da variante seguen en pé. Pola súa banda, a Conselleira de Política Territorial asegurou que tentará minimizar o impacto da variante ó seu paso por Castroagudín, pero que para a consellería sempre primará o interese xeral.
Redacción Salnés