Educación concede a Sanxenxo un novo ciclo de FP dual de Hostalería e Restauración

SANXENXO> Alegría no concello de Sanxenxo. O vindeiro curso estrearase no municipio un ciclo de Formación Profesional Dual de Hostalería e Restauración; formación que busca formar a persoal cualificado para traballar no sector do concello e de toda a comarca. O novo proxecto desenvolverase entre o instituto de Vilalonga e o antigo colexio O Cruceiro.

A partires do vindeiro curso, os futuros profesionais da hostalería poderán formarse en Sanxenxo. O concello estreará un ciclo de Formación Profesional Dual de Hostalería e Restauración, concedido pola Xunta de Galicia.

Será un ciclo de dous anos, con 2.000 horas de formación e prácticas remuneradas en establecementos hostaleiros da zona.

A formación desenvolverase entre dous centros de Sanxenxo. A parte teórica impartirase no instituto de Vilalonga. A práctica será no antigo colexio O Cruceiro, baleiro dende que se construíu o novo centro do Revel. O concello encargarase de adaptar as instalacións. Farao cunha subvención europea de 1,5 millóns de euros dos fondos Next Generation.

Actualmente hai oito centros en Galicia que imparten formacións relacionadas coa hostalería. O novo curso en Sanxenxo permitirá completar a oferta actual.

Segundo a Consellería de Educación, actualmente a oferta formativa relacionada coa hostalería conta cun 97% de inserción laboral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí