VILANOVA> O colexio de Tremoedo en Vilanova cumpre 50 anos, e o centro quere converter a celebración deste medio século de historia nunha xornada de convivencia. A festa será o sábado 25 de maio e toda a comunidade educativa, pasada e presente, está chamada a participar.
Cincuenta anos de historia non se cumpren todos os días, por iso o colexio de Tremoedo non está disposto a deixar pasar de longo esta data. O centro quere celebralo por todo o alto cunha festa, que será o vindeiro sábado 25 de maio no recinto.
Polo de momento, xa son 80 persoas as que están animadas a participar desta xornada, que reunirá a comunidade educativa pasada e presente do centro. Ademais do intercambio de vivencias, o colexio está a preparar unha exposición con documentos antigos.
A acción conta co respaldo do concello de Vilanova. O alcalde Gonzalo Durán destacou a importancia dos centros educativos nas vilas.
As entradas estarán á venda ata o vindeiro venres. Teñen un prezo de 15 euros, e inclúen un menú completo de entrantes, churrasco, café, postre e bebidas.