A Exposición O Comercio Móvese recala en Caldas

    ocomerciomovese_100.jpgCALDAS > Esta mañá inaugurouse en Caldas O comercio móvese, unha exposición sobre a evolución do comercio ata os nosos días.

    Nesta carpa de 300 metros cadrados situada no patio dun colexio de primaria, na estrada que vai de Pontevedra a Caldas, distribúense varios paneis explicativos, que recollen, a súa vez a importancia do comercio na orixe da sociedade e das distintas cidades, e dende alí fan un percorrido ata as previsións de como vai a ser o comercio no futuro.

    Esta mostra está organizada polo Foro Galego do comercio e conta co apoio financeiro-loxístico da Consellería e Innovación e Industria da Xunta de Galicia. O seu público obxectivo son principalmente os pequenos e pequenas aínda que está aberta a tódolos públicos.

    Estas imaxes corresponden ó acto de presentación no que interviron a Directora Xeral de Comercio, o presidente do foro galego de Comercio, a Concelleira de Educación, cultura e Xuventude de Caldas, o Director da Comarca de Caixanova, e a presidenta de Caldas Centro Comercial Aberto. Todos eles coincidiron en sobranceala importancia do pequeno comercio para a orixe,o desenvolvemento e o mantemento das cidades. Nesta liña, coincidiron tamén na inmediata repercusión que ten o comercio no fomento do emprego e no desenrolo dos pobos.

    A Directora xeral de comercio, Ana Rúa, quixo apuntar tamén a importancia desta exposición para aumentar a autoestima deste sector e das microempresas en xeral, que forma unha parte fundamental do tecido económico galego. Esta exposición estará tamén mañá aberta o público nesta mesma localidade. A vindeira parada na comarca terá lugar en Cambados os vindeiros días 6 e 7 de decembro.

    Redacción Salnés.