A Xunta estuda manter a rede ferroviaria polos concellos do Ulla

    caride_alcaldesulla100_211107.jpgSANTIAGO > A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, recibiu esta tarde aos alcaldes

    … de Catoira, Alberto García, Padrón, Camilo Forján, Pontecesures, María Isabel Castro, e Valga, José María Bello, ós que lles ratificou a súa intención de que se poidan manter os servizos ferroviarios nos treitos da rede actual cando o Eixo Atlántico estea en funcionamento.

    Segundo Caride, ‘o novo trazado do Eixo Atlántico de alta velocidade mellora notablemente o trazado das vías actuais o que supón, en diversos treitos, a construción de novas vías en variante’. Estes novos treitos, dixo, permitirán suprimir os pasos a nivel e acadar unhas maiores velocidades que repercutirán nuns menores tempos de viaxe nos traxectos de punto a punto entre as grandes poboacións galegas.

    Con todo, María José Caride transmitiulles ós alcaldes a súa aposta por un servizo ferroviario de cercanías en Galicia, de xeito que os cidadáns dispoñan de mellores servizos e con máis frecuencias dos que se prestan na actualidade. Segundo indicou, isto implica que os servizos punto a punto (entre cidades e sen paradas intermedias) deberán ser complementarios dos servizos de cercanías (con paradas intermedias en poboacións de menor entidade).

    Neste senso, tal como lles informou a conselleira, a CPTOPT está a analizar a situación na que quedará a rede ferroviaria actual e as súas posibilidades de conexión co Eixo Atlántico de alta velocidade. María José Caride tamén lles comunicou que xa lle transmitiu ao Ministerio de Fomento a petición para que manteña en servizo os vellos treitos de vías.

    Redacción Salnés