O IES Castro Alobre non se resigna ás clases semipresenciais

VILAGARCÍA> O Instituto Castro Alobre de Vilagarcía presenta batalla á semipresencialidade en bacharelato. A comunidade educativa non está dacordo con esta medida imposta dende a Consellería de Educación, coa que se pretende garantir a distancia de metro e medio entre o alumnado concedendo só 11 profesores dos 22 solicitados polo centro. Pais, alumnos e profesorado denuncian que este tipo de ensino déixaos en desvantaxe respecto doutros institutos, sobre todo na EBAU.

A comunidade educativa do instituto Castro Alobre resístese a asumir as clases semipresenciais nos cursos de bacharelato. Profesores, pais e alumnos coinciden, e aseguran que esta modalidade deixa aos alumnos deste centro en desvantaxe de cara á EBAU.

En bacharelato, a media é de 33 alumnos por clase. Dende o centro traballaron durante o verán para axustarse aos protocolos que marcaban un metro de distancia entre alumnos. A principios de setembro o Ministerio de Sanidade aumentouna ata o metro e medio e, a contrarreloxo, tiveron que adaptar todos os espazos dispoñibles para acoller os desdobres que permitiran manter o ensino presencial e pola mañá. Algo que requiría dun reforzo de 22 profesores; finalmente, a Consellería de Educación só lles concedeu once, impoñendo a semipresencialidade.

Neste réxime, os alumnos turnaranse entre clases presenciais e quedar na case en quendas dunha semana. Cada profesor elixirá o sistema para distribuírlles o material, aínda que o centro non conta cos recursos para emitir todas as clases en streaming. Tampouco todos os fogares teñen os medios suficientes. Unha situación que xera moita incertidume.

Co curso xa en marcha, a comunidade educativa reclama evitar a semipresencialidade. A Consellería destinou a este instituto máis alumnos de matriculación tardía, polo que de conceder os 22 profesores solicitados complicaríase a aplicación do plan inicial previsto polo centro. Así, non desbotan a creación dunha quenda pola tarde ou solicitar espazos municipais para impartir as clases. O que teñen claro é que non queren resignarse e aceptar esta medida que, defenden, os deixa en desvantaxe respecto doutros centros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí