![]()
VILANOVA > Esta mañá varios veciños de Corón, en Vilanova, xunto co concelleiro desta localidade, Javier Tourís,…
…acudiron á delegación da Consellería de Política Territorial en Pontevedra, para entregar un proxecto do que queren que sexa a mellora da seguridade viaria da PO 549.
Neste informe, redactado polos técnicos municipais recollíase a idea, consensuada entre concello e veciñanza de construír varias beirarrúas, pasos peonís e semáforos na zona da Molinera, Vista Real e o Saladero; e non deixar acometer ningunha das catro rotondas propostas polo ente da Xunta.
Agárdase que no pleno do vindeiro luns, a oposición á decisión da COPTOPT de seguir adiante co proxecto inicial sexa respaldada por unanimidade. Esta tarde, tanto o alcalde, Gonzalo Durán, como o propio edil de Corón, Javier Tourís, lamentaban que se tivese que chegar a este punto para defender os intereses da cidadanía.
Segundo eles, esta actuación vai a supoñer un importante prexuízo para os veciños afectados posto que van a ver ocupado o seu terreo e a perder unha alta porcentaxe de edificabilidade das súas fincas, só porque o goberno autonómico queira construír a forza unhas rotondas, que non van a ser necesarias nun futuro próximo, cando a vía rápida funcione o cen por cento.
Durán ratificou que o Concello non foi consultado en ningún momento sobre estas obras, cuxo proxecto se redactou totalmente as agochadas deles. Ademais, deixou clara unha mensaxe á poboación: o Concello vai a facer todo o que estea na súa man para frear esta imposición e chegarán ata as últimas consecuencias. Gonzalo Durán fixo fincapé no peculiar desta situación: tódalas forzas políticas deste concello se opoñen a este proxecto do ente autonómico; mesmo o BNG e o PSOE.
Así e todo, o alcalde vilanovés non entende como a directiva do PSOE na Xunta desoe as recomendacións de xente do seu mesmo partido: cre que ou ben o máximo responsable do PSOE vilanovés está mantendo unha dobre postura ou ben o ningunean dende o seu mesmo partido.
Por outra banda, o BNG desta localidade acusa ó equipo de goberno municipal de conducta inmoral e falta de ética; por facerse cos méritos da última xuntanza ca COPTOPT sobre este tema, cando foran eles quen a solicitaran nun primeiro momento.
Redacción Salnés.







