Bieito Lobeira entrevistouse esta tarde cos veciños de Castroagudín

    lobeira_en_castroagudn_100.jpgVILAGARCÍA > O deputado parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, visitou esta tarde a parroquia de Castroagudín, para entrevistarse cos veciños…

    … que protestan desde fai meses polas obras de construcción da estrada de circunvalación de Vilagarcía.

    Na súa visita, o parlamentario estivo acompañado polo tenente de alcalde vilagarcián, Xosé Castro Ratón, e polas concelleiras nacionalistas, Ana Lorenzo e Rosa Abuín. Neste lugar, onde os veciños montan garda cada día para evitar que se reinicien as obras, Lobeira Domínguez, tivo a ocasión de comprobar sobre o terreo a situación que denuncian os veciños.

    O nacionalista comparte cos veciños a súa oposición a este proxecto, tal e como se pretende executar arestora; e coincide con eles en denunciar o forte impacto visual, medioambiental e social que está a xerar. Bieito Lobeira defendeu a necesidade de executar esta variante que alivie o tráfico do núcleo urbán pero non a calquera prezo.

    Por isto, o nacionalista ofreceu o peso político do BNG para realizar canta xestión faga falla para que se modifique o actual proxecto. Esto será posible, segundo o nacionalista, mediante a apertura dun proceso de negociación ca consellería de política territorial , e na que se teña en conta a opinión dos veciños. Lobeira comprometeuse cos veciños a loitar a prol dunha solución definitiva para que esta xente poida pasar o Nadal tranquilamente nas súas casas, sen ter medo de que este túnel soterre a súa parroquia.

    Mañá mesmo unha representación veciñal acudirá pola mañá a Santiago para presentar unha queixa formal ante o valedor do Pobo, para pedirlle que interceda na súa causa.

    Redacción Salnés.