![]()
VALGA > O concello de Valga xa conta cun camión novo para a recollida do lixo. O vehículo, cun custe …
…que ascende ós 130.000, foi financiado a partes iguais entre a deputación provincial e o concello. En Valga, os veciños xa contan cun camión novo para a recollida dos residuos urbanos. O alcalde da vila, José María Bello, e o Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, fixéronlle esta mañá entrega das chaves do vehículo ó que será o seu condutor. O importe do camión, 130.000 euros, foi financiado a partes iguais entre a Deputación e o concello, logo de varias peticións frustradas á Consellería de Medio Ambiente, para que subvencionase unha parte da inversión.
O único camión co que contaban ata agora na vila ten máis de trinta anos e por iso en Valga levaban tres anos demandándolle un novo a Medio Ambiente. O rexedor local tamén sinalou hoxe que dende a Xunta, non hai interese por solucionar os problemas do concello, e queixouse especialmente do trato que están a recibir por parte da Consellería de Medio Ambiente. José María Bello agradeceulle esta mañá a colaboración ó Presidente da Deputación provincial por axudar a sufragar os gastos do camión. Un compromiso que os dous políticos asinaron esta mañá no contrato da compra do vehículo.
Louzán tamén fixo hoxe mención o consorcio provincial para a recollida dos Residuos que a Deputación quere poñer en marcha. Para o presidente da Deputación, este será un órgano de xestión que permitirá axilizar o traballo dos concellos. Polo de agora a proposta aínda está en fase de estudio, que esperan ter rematado para o mes de xaneiro.
Redacción Salnés






