Dous individuos intentan secuestrar a unha rapaza na Pobra

    secuestropobra-280108.jpgPOBRA > Brigadas especiais da Garda Civil investigan o que podería ser un intento de rapto a unha adolescente.

    A Garda Civil mantén segredo sobre o acontecido esta mañá na Pobra do Caramiñal, e sigue as pesquisas para dar co paradoiro das persoas que intentaron secuestrar esta mañá a unha rapaza de dezasete anos que reside na zona do Campo Angustia. Ó parecer e segundo as informacións ás que puido acceder esta redacción a rapaza atopábase ó redor das oito e media da mañá na parada do autobús para dirixirse ó instituto como facía habitualmente. Unha furgoneta parou ó seu carón e dela baixaron dous individuos que a intentaron introducir no vehículo, despois de poñerlle unha bolsa de plástico na cabeza. Nese momento polas inmediacións pasou outro vehículo, o que provocou que os presuntos secuestradores tiraran á rapaza á cuneta e se deran á fuga. Segundo se desprende da investigación, a xoven non puido identificar de momento ós autores, pero o que si sinalou é que se trataba de persoas extranxeiras que falaban un idioma que non era nin francés nin inglés.

    Claustro no IES Pobra

    Esta mesma tarde no IES da Pobra do Caramiñal celebrouse un claustro de profesores, durante o cal se decidiu enviarlle un comunicado a tódolos pais con alumnos no centro explicándolles o acontecido, e extremaran as precaucións nos próximos días. Dende esta redacción contactouse co propio director do centro que nos corroborou o acontecido, aínda que non puido facernos declaracións nin darnos máis información ó respecto, ó estar aínda investigándose o suceso.

    Maior vixilancia 

    Nos próximos días as forzas da orde, tanto Policía Local coma Garda Civil, intensificarán a vixilancia na zona do instituto e nos arredores.

    Redacción Barbanza