O PSOE presenta oficialmente a Xosé Ramón Romero coma candidato á alcaldía de Boiro

BOIRO> No acto o candidato estivo arroupado por pesos pesados da formación, como é o caso do secretario Xeral, Gonzalo Caballero, e do responsable provincial, Valentín González Formoso.

Un bo número de persoas, fundamentalmente militantes e simpatizantes do Partido Socialista, asistiron ó acto de presentación do novo candidato desta formación política á alcaldía de Boiro, Xosé Ramón Romero. Ó acto asistiron o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, e o responsable provincial da formación, Valentín González Formoso. Os dous destacaron a valía de Romero, e o feito de ter dado un paso adiante e querer liderar o proxecto socialista no municipio.

No seu discurso Xosé Ramón Romero explicou as razóns que o levaron a presentarse e da necesidade dun cambio de rumbo na alcaldía para poñer a Boiro no lugar que realmente se merece.

Na súa intervención esbozou tamén algunhas das liñas mestras do que será o seu programa de goberno, que se incluirán no proxecto ‘Boiro 2020-2030’, con especial relevancia no emprego, na cultura, na educación e no deporte.