A Xunta dá marcha atrás no realoxo das familias de O Vao

    pisoruaalemania_100.jpgPONTEVEDRA  > As dúas familias procedentes do poboado chabolista de O Vao e realoxadas na rúa Alemaña, en Monte Porreiro, van volver a ser instaladas noutras vivendas.

    Así o decidiu a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, tralo malestar xurdido no barrio pontevedrés. Atallar este problema e asegurarlles unha integración tranquila ás familias fóra de O Vao foron os principais motivos do departamento autonómico dirixido por Anxo Quintana. E é que as protestas efectuadas polos veciños do barrio pontevedrés de Monte Porreiro deron o seu efecto ante a Xunta de Galicia.

    A Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar, que dirixe Anxo Quintana, xa lle comunicou á Consellería de Vivenda e ó alcalde de Poio, Luciano Sobral, a súa decisión de volver a realoxar noutras vivendas ás dúas familias instaladas na rúa Alemaña. O motivo, poñerlle fin á protesta veciñal que se veu intensificada nestes últimos días con concentracións que levaron ós habitantes de Monte Porreiro ás rúas non só do barrio, senón tamén ás portas do concello de Poio, esta mesma mañá.

    A decisión foi tomada logo da xuntanza mantida onte en Vigo entre o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, cos delegados de Vivenda e Benestar en Pontevedra, o alcalde de Poio, e representantes do Secretariado Xitano e a asociación Pueblo Gitano. Non foi logo unha medida unilateral da Vicepresidencia, xa que as propias familias procedentes do poboado chabolista do Vao, xa lle pediran durante estes días ó concello de Poio outra alternativa, dado que aseguraban sentirse ameazados e acosados polos habitantes do barrio.

    O que queda agora pendente é coñecer onde irán destinadas ámbalas dúas familias. Só se sabe que os recursos económicos para este novo realoxo virán de parte da Consellería de Vivenda. Por outra banda, a familia instalada na rúa Portugal vai quedar ,polo de agora, en Monte Porreiro.

    Telmo Martín aproba a medida de Vicepresidencia

    A decisión de trasladar fóra de Monte Porreiro ás familias do Vao, foi aprobada esta tarde polo presidente do Partido Popular en Pontevedra, Telmo Martín. O político tamén aproveitou esta nova para facer un balance do traballo desenvolvido polo seu partido na resolución deste conflito. Telmo Martín dixo estar tarde satisfeito pola rectificación da Vicepresidencia da Xunta en canto ó traslado das dúas familias do Vao fora de Monteporreiro.

    O popular mostrouse dende o comezo do conflito contrario ás formas tomadas dende a Xunta e ó concello de Poio para realoxar ás familias. E se nun comezo criticou tamén as medidas levadas a cabo polo executivo local de Pontevedra, e que segundo el eran pouco contundentes, agora felicitou ó alcalde da cidade polo resultado das súas xestións. Entre elas, o recurso contencioso-administrativo que están a preparar os servizos xurídicos do concello contra a decisión do goberno de Poio de realoxar ás familias xitanas do Vao, fóra do seu termo municipal.

    O papel do Partido Popular

    Pero na resolución deste problema, o Partido Popular, dixo Telmo Martín, tamén xogou un papel importante. O líder dos populares en Pontevedra mantivo o sábado unha xuntanza con varios veciños de Monteporreiro, e o domingo outra cos dous grupos do goberno local, BNG e PSOE, unha representación dos veciños.

    Dixo esta tarde Telmo Martín que Monte Porreiro é un exemplo e integración social xa que no barrio conviven máis de 500 familias de etnia xitana. O seu rexeitamento ó realoxo foi logo o resultado dun proceso, que subliñou, dende un comezo se realizou mal, entre outras cousas, porque existía un escrito polo que Vivenda se comprometía a non destinar máis vivendas de Monte Porreiro a usos sociais.

    Redacción Salnés