Veciños do Rial denuncian as molestias dunha entulleira colindante

    vecios_rial_100.jpgVILAGARCÍA > Varios veciños do Rial, en Vilagarcía denuncian publicamente unha entulleira que se ven de crear á beira das súas vivendas e…

    … que lles está a ocasionar unha chea de molestias e problemas. Entre eles, os ruídos, as vibracións, e o po que orixinan os verquidos de máis de medio cento de camións ó día. Esta situación orixinouse fai case dous anos cando, segundo eles, a empresa de Expano, mercou este solar que era un outeiro. Fixo un desmonte ata achandar o terreo e agora utilízaos para depositar cascallos de obra, pedras e barro; para retiralos ó pouco tempo; e así unha e outra vez cada día de oito da mañá a oito da tarde.

    Os veciños denuncian tamén que os camións van ciscando barro e mesmo pedras pola calzada e non se ocupan de limpalo; ó circular sen lonas protectoras na caixa abatible.

    Estes afectados xa comunicaron esta situación a unha chea de axentes da orde e organismos e o único que conseguiron logo de dous anos, é que hoxe o Concello mandase a operarios a limpar a estrada para evitar posibles accidentes e que a empresa puxese un par de sinais antes da finca.

    Asemade, aseguran que a empresa non conta ca correspondente licenza para o movemento e transporte de terras, segundo lle desvelaron as autoridades competentes.

    Desde a empresa Expano alegan, a interpelación da Televisión de Salnés Barbanza, que eles eran unha subcontrata, polo que traballaban para outras empresas e que, ademais non tiñan constancia de ningunha protesta sobre esta actuación.

    Redacción Salnés