Dous bloques de vivendas de San Francisco serán rehabilitadas

    dv_463_-sanfco_100.jpgCAMBADOS > A Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia ven de adxudicar as obras de rehabilitación de dous bloques de vivendas…

    … no barrio cambadés de San Francisco. O importe desta actuación é de máis de 505.000 euros que permitirán adecuar varios elementos comúns das vivendas, como a substitución das escaleiras actuais por outras máis amplas, a optimización das instalacións de fontanería, electricidade e a rede de saneamento; a renovación dos interiores dos portais, ou o incremento da dotación de iluminación, telefonía, e protección contra incendios.

    Asemade, tamén se farán reformas nas cubertas dos edificios e dos parámetros exteriores, non no aspecto estético senón no relativo ó illamento e protección contra a humidade. Con estas actuacións, o goberno galego atallará os actuais problemas de habitabilidade, estanquidade fronte a choiva e eficiencia enerxética e accesibilidade.

    O concurso público de adxudicación destas obras, que tivo lugar o pasado mes de decembro, presentáronse un total de 13 empresas, de entre as que se escolleu a proposta presentada por GPD Construcciones, que disporá a partir da sinatura do contrato, de tres meses para a súa execución.

    Redacción Salnés