CAMBADOS> Noite de San Xóan. Unha festividade que desta volta foi atípica nas prazas de abastos ao cadrar en luns. Os mercados só recibiron hoxe unha pequena cantidade de sardiñas do xeito. A maioría da xente optou por mercar o sábado e conxelar. Con todo, hoxe eran moitos os que se achegaban ata a praza na procura de sardiñas. Só os máis madrugadores foron quen de conseguilas.
Imaxes como esta estanse a repetir desta hora en practicamente tódolos recunchos da nosa contorna. A noite de San Xoán é unha das máis máxicas do ano e, como por arte de maxia, desaparecían esta mañá as poucas sardiñas que chegaron a terra.
Así estaba a media mañá a praza de abastos de Cambados, sen apenas actividade. Ao cadrar esta noite do San Xoán en luns, só houbo sardiña fresca dos barcos que andan ao xeito. Os do cerco decidiron non saír, malia que contaban con autorización de Mar.
Aquí hoxe vendéronse a 15 euros. Como moito unha ducia de caixas, cantidade moitísimo menor do habitual nunha xornada como esta.
Estas eran as únicas sardiñas que lle quedaban a Eva pouco antes das 12 da mañá e xa as tiña reservadas. Aos clientes que desas horas aínda se achegaban á praza íaselles a vista a estes exemplares. Non contaban con non chegar a tempo.
Porque só os clientes máis madrugadores foron os que conseguiron levar o prezado botín para a casa.
A escasa actividade de hoxe contrasta co fervedoiro do pasado sábado, cando a maioría da xente veu mercar as sardiñas.
Pero óllo, só as do cerco se poden conxelar. As do xeito, como as que hoxe estaban á venda, recomendan consumilas en fresco para que non perda nin calidade nin sabor.











