Pontevedra volve a ser por un día a capital da moda galega

    blancaromero_100.jpgPONTEVEDRA > A pasarela Pontus Veteris abriu onte as súas portas, a pesares das protestas dos veciños de Monte Porreiro que interromperon durante ….

    … uns cinco minutos o desfile, o desconectar os cables de son. Con esta nova edición do certame, a través este ano dun único desfile, presentouse a colección da vindeira temporada outono – inverno. Para elo contou coma de costume coas seis firmas galegas Toypes, Araújo, María Mariño, Montono, Chaora e o pontevedrés Florentino, este último o único en presentar unha colección masculina. Xunto as súas creacións, a atención na pasarela centrouna onte a modelo invitada, Blanca Romero.

    Florentino abriu onte a pasarela situada no recinto feiral de Pontevedra cunha colección masculina na que se combinaba o urbanismo moderno coa xastrería elaborada. Os grises impuxéronse nos seus deseños dinámicos e tamén arriscados, así coma no resto das prendas presentadas onte. Pero a cor estrela da noite, foi a negra, presente en case tódolos modelos.

    Con todo, tamén houbo unha ampla gama de vermellos, verdes botella, e crudos na proposta da coruñesa Charoa. Unha colección para o outono -inverno do 2009 inspirada no charlestón, e na que mandaban os pichis, combinados con chaquetas, abrigos e vestidos.

    No que respecta ós texidos, houbo dende gasas, piqué, tafetán e o punto que predominou sobre todo nos deseños de Montoto. María Mariño trouxo unha liña máis xuvenil, na que os volumes eran os protagonistas, xunto coa fantasía que se deixaba con algúns materias futuristas e charoles.

    Tamén moi aplaudidas polas case dúas mil persoas que estiveron onte en Pontevedra foron as coleccións de Araújo, e Toypes, esta última a firma encargada de pechar o desfile, coa súa colección titulada baby doll. A modelo estrela deste ano foi a asturiana Blanca Romero, que non é a primeira vez que visita a cidade.

    Pontevedra volveuse a consolidar con este desfile coma un referente da moda galega. Unha cidade que tamén marca tendencia, e que ó xulgar polo visto onte, estará dominada para a vindeira temporada outono inverno polos deseños cosmopolitas.

    Redacción Salnés