Os GRUMIR de Vilagarcía continuarán un ano máis en activo

    grumir_100.jpgVILAGARCÍA > Os servizos de emerxencias competencia dos GRUMIR seguirán sendo atendidos en Vilagarcía, polo menos un ano máis, por este corpo.

    Así o decidiron onte a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias, que conceden esta moratoria para garantir a atención destes servizos as 24 horas, ata que se estableza o novo marco do sistema de atención de emerxencias galego.

    O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, subliñou esta mañá que o obxectivo do Goberno autonómico, coa nova reestruturación do servizo de atención rápida, é o de acadar unha maior profesionalización e funcionalidade do corpo.

    Porén hai agora unhas preguntas sobre a mesa, e é que se descoñece se o persoal do GRUMIR seguirá sendo o mesmo que o que había ata o de agora. Sábese que seguirán contando con 12 persoas, e dende o concello de Vilagarcía lembraron esta mañá que a súa prioridade é que se integren os mesmos efectivos.

    Pero ademais as dúbidas están agora en saber qué pasará dentro dun ano. Segundo parece, vaise constituír unha comisión mixta integrada pola Xunta, Fegamp, e o sector de emerxencias. Nela estudaranse os pormenores do novo corpo que atenderá estes servizos.

    As seis contratacións que anunciara o concello a pasada semana para cubrir o servizo de emerxencias ante a desaparición do corpo, inclúense deste xeito dentro das 12 prazas que seguirán formando o corpo.

    O obxectivo do concello de Vilagarcía segue a ser o de poder contar nun futuro cunha subsede de bombeiros exclusiva onde se integren tódolos servizos de emerxencias.

    Redacción Salnés