VILAGARCÍA> O inspector de educación non muda a súa postura de pechar a clase de 3 anos no Anexo A Lomba trala reunión coa Anpa. A pesar das máis de 4 mil sinaturas entregadas reclamando a continuidade da aula, dende educación insiste en pechar o curso pola falta de nenos matriculados. As nais temen que o que se busca sexa pechar o colexio.
A comunidade educativa e a Anpa da escola Anexo A Lomba levan reclamando dende o pasado 30 de xuño a continuidade do curso de 3 anos. Este mércores, presentáronse ante o inspector de educación da provincia con máis de catro mil sinaturas recollidas en menos dunha semana.
Dende a Anpa denuncian que o peche da aula suporía numerosos problemas para as familias e para os nenos.
Na reunión o inspector insistiu no peche da aula por non ter un elevado número de matriculacións. A pesar de contar con máis da metade das prazas cubertas. O representante da consellería, tamén comunicou ás nais que a escola principal da Lomba si conta con todos os servizos necesarios para a conciliación. Algo que dubidan dende a Anpa, que temen que a consellería queira pechar o centro.
O inspector tamén comunicou á nai que os escritos presentados pola Anpa e polo centro foron remitidos á Consellería de Educación e que aínda están agardando a resposta.











