A variante de Noia xa ten trazado definitivo

variantedefinitiva_110408.jpgNOIA > A CPTOPT deu conta do trazado definitivo da futura variante de Noia, que será licitada o vindeiro ano.

Por fin aclarouse a incertidume respecto ó trazado definitivo da futura variante de Noia. Despois de varios meses de análise das tres alternativas posibles que foron sometidas a información pública e logo de recibir a Declaración de Impacto Ambiental emitida pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Política Territorial decidiu que a solución máis vantaxosa para o municipio é a denominada "Alternativa A".

Respeto ao medio ambiente

Esta opción é precisamente, a que a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera a alternativa ambientalmente viable. Aínda así, e co obxecto de mellora-la proposta de trazado escollida, a Consellería de Política Territorial ten previsto incluir algunhas modificacións relativas a conexións, ramais e rasantes que minorarán a afección sobre o territorio.

Via de alta capacidade

Deste xeito, a variante de Noia terá un total de 9,45 quilómetros dende o seu inicio, na conexión co corredor Brión-Noia, ata Taramancos. En canto ás características construtivas, será unha Vía de Alta Capacidade en todo o seu percorrido, polo que se configura como unha infraestrutura de altas prestacións e de elevada seguridade para os usuarios.

{flowplayer}barbanza/variantedefinitiva.flv{/flowplayer}

A variante contará cun total de seis enlaces que son os de San Paio, o de acceso ó polígono de Auga Levada, o de Fialla, o de Portobravo, o de San Lázaro e o da Ponte San Francisco. Cómpre sinalar ademais que o enlace de Portobravo foi reordenado de xeito que contempla unha vía de conexión entre os núcleos da Rasa e Portobravo que dará servizo directo ó núcleo urbano de Lousame e a súa área industrial.

Así mesmo, á altura de Taramancos, a variante terá unha conexión coa estrada AC-550 e queda previsto o posible desenvolvemento futuro dun enlace en Argalo. Tamén haberá tres viadutos: o da Xunqueira sobre o río Tállara, o do río Traba e o de Argalo, así como un túnel en Sobreviñas de 600 metros de lonxitude á saída do viaduto de Tállara.

Sectores representativos

Á xuntanza en Santiago acudiron os alcaldes de Noia e Lousame, Rafael García Guerrero e Santiago Freire respectivamente, e o parlamentario do Partido Socialista, Xosé Manuel Lage, así como membros de distintas entidades e asociacións veciñais do municipio, entre elas a patronal local, Noia Histórica, ususarios da praza de abastos, Confraría de Pescadores ou do Club do Mar.

Os que si intentaron sen éxito acudir á xuntanza foron os representantes da plataforma que se opón precisamente a esta variante interior. O seu voceiro, Xulio Bustelo, criticou o feito de que non lles permitiran a entrada á reunión, a pesar de selos máis afectados polo trazado.

O PPdeG non tardou tampouco en amosa-lo seu malestar por esta decisión da Consellería de Política Territorial. A través do deputado, Alejandro Gómez Alonso, os populares cualifican de ‘cacicada e chapuza’ a alternativa interior para a variante noiesa.

Ante esta situación o PPdeG pedirá no Parlamento a anulación desta alternativa para instar ó Goberno galego a que execute a variante combinada coa ponte sobre a ría, como opción de consenso para a comarca.

 

Redacción Barbanza