Veciños de Vilariño reivindican a retirada dun vello transformador

    transformador_100.jpgCAMBADOS > Veciños do Sineiro, en Vilariño-Cambados piden que se lles retire un vello transformador do subministro eléctrico, …

    …co fin de acabar con todas as molestias que veñen padecendo desde fai tempo. Estes afectados denuncian que é frecuente que se produzan grandes estouridos neste antigo transformador, dado o seu pésimo estado de conservación. Estas explosións asustan ós veciños e causan notables danos nos seus aparellos eléctricos. A última delas aconteceu fai uns oito días.

    Logo de cada explosión, os veciños quedan varias horas, mesmo días sen subministro eléctrico. Ademais, calquera deles ten varios casos para contar de electrodomésticos e aparellos eléctricos estragados e queimados polas subidas e baixadas bruscas de tensión. Unha situación que veñen de denunciar esta mañá ante a oficina do Consumidor e ante o alcalde local, José Manuel Cores Tourís, ó que lle pediron axuda para que intercedese por eles ante a compañía eléctrica Fenosa e ante a Consellería de Industria.

    Aínda máis, dáse a casualidade de que a uns douscentos metros das súas vivendas hai unha subestación eléctrica que subministra a todo o Salnés, namentres eles pasan estas penurias. Ante esta inxustiza, os veciños demandan da compañía eléctrica que se faga cargo dos desperfectos e que non lles cobre os recibos da luz namentres non se subsanen estas incidencias; para o que xa comezaron hoxe a recoller sinaturas de protesta.

    Redacción Salnés