O polígono do Pousadoiro terá subministro de gas en 2009

    fernandoblanco100_180408.jpgVILAGARCÍA > Xunta e Gas Galicia investirán máis de 500.000 euros nun gasoducto para o subministro de gas do polígono do Pousadoiro.

    O polígono do Pousadoiro, en Vilagarcía, contará con subministro de gas para o vindeiro ano. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou hoxe o proxecto e indicou que se construirá un gasoducto duns tres quilómetros que conectará coa infraestructura xa existente para o abastecemento de Vilagarcía. As obras desenvolveranse entre o que queda deste ano e o primeiro trimestre de 2009. O investimento ascende a 587 mil euros, financiados nun 30 por cento pola Xunta e nun 70 por cento por Gas Galicia.

    Blanco tamén adiantou que O Pousadoiro contará este ano cunha nova liña eléctrica de media tensión, na que as consellerías de Industria e Vivenda están a investir case un millón de euros. O conselleiro indicou ademais que a ocupación desta área vai a bo ritmo. Blanco realizou unha visita á empresa Fundivisa, de momento, a única que xa está traballando neste polígono.

    Redacción Salnés