Cambados aproba obxeccións á normativa da Xunta sobre o Viño e a Pesca

    pleno_-_cambados_100.jpgCAMBADOS > No pleno celebrado onte a noite en Cambados vivíronse numerosos momentos de axitación entre o público asistente; principalmente cando se abordou o debate do anteproxecto da Lei de Pesca da Xunta de Galicia.

    Nesta cuestión os populares opuxéronse a varios dos puntos que recolle esta futura normativa e propuxeron varias cuestións que deberan ser modificadas na mesma; como que se valore con maior puntuación ter sido o titular durante anos desa explotación ou que se manteñan as autorizacións da Confrarías de Cambados.

    Os populares engadiron que a Xunta con esta proposta esta obviando a potencialidade pesqueira do sector e menosprezando ás confrarías de pescadores. Por isto, reclamaron outra serie de medias como a de frear importacións masivas doutros países.

    Pola súa parte, os nacionalistas obxectaron que a vía de solución legal pasa por outros derroteiros; como aprobar un decreto paralelo para que sexa legal ante a Unión Europea favorecer ós galegos fronte a outros cidadáns comunitarios.

    Na súa quenda de palabra, o socialista Domingo Tabuyo, foi interrompido frecuentemente polos veciños asistentes ó pleno, sobre todo cando reiteraba a súa mensaxe de tranquilidade e confianza e aseguraba que as medidas que se van a adoptar contarán sempre co apoio maioritario do sector e que van a garantir o mantemento de cada concesión ós seus actuais propietarios.

    O goberno local, argumentou que esta moción non respondía a intereses políticos senón que só perseguían poñer sobre a mesa deste salón ás preocupacións que lles estaban achegando desde o sector. Por isto, pediu que se retirase esta nova lei e que se empece de cero.

    Nesta mesma sesión falouse tamén do anteproxecto da Lei de Drogodependencias da Xunta de Galicia, e en concreto, da inclusión do viño na mesma. A este respecto, o edil popular e bodegueiro xustificou a súa moción argumentando que máis aló de ser unha bebida alcohólica o viño era un alimento e unha base importante de riqueza para esta comarca; un punto no que coincide todas denominacións de orixe vitivinícola galegas, así como os principais sindicatos agrarios.

    O edil socialista non coincidiu nos termos dos populares e pediulles maior en torno ós puntos que se rexistran neste anteproxecto. Ademais, prantexou unha serie de cuestións que a Xunta de Galicia debera incluír neste anteproxecto que afecta ó sector vitivinícola, como a que fai referencia á importancia económica do sector nesta comunidade; polo que debería ter un caracter máis especial, agás onde se refira á promoción do seu consumo entre os menores de idade ou relacionado con outros temas sensibles, como o relacionado ca conducción de automóbiles.

    Como eran de prever, a maioría dos populares fíxose valer para que ámbalas dúas propostas saían adiante por maioría.

    Redacción Salnés