VILANOVA> A Xunta de Galicia investirá preto de 2 millóns de euros en dúas novas sendas peonís en Vilanova. A conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, o anunciou trala visita ás novas travesías para peóns da PO – 307 e PO – 549. Con todos estes percorridos a vila contará con máis de 10 quilómetros de sendas peonís e ciclistas.
Ethel Vázquez pon a andar Vilanova. Con esta frase o goberno local recibiu hoxe a visita da conselleira de infraestruturas. E non é para menos, a súa consellería ven de rematar dúas sendas peonís na PO – 307 e na PO – 549.
E as melloras non rematan aquí. A conselleira aproveitou a visita para anunciar a creación de dúas novas sendas en Vilanova, o que levará o seu investimento total aos 5 millóns de euros. A primeira delas será en Corón e contará cun investimento dun millón de euros.
E a outra senda unirá Caleiro co centro da vila e seu investimento superará os 800 mil euros.
Con todas estas sendas, o total Vilanova contará con máis de 10 quilómetros de uso exclusivo para peóns e ciclistas. Itinerarios que ademais de unir o centro da vila coas parroquias tamén chegarán aos concellos máis próximos.
A previsión é que as sendas vilanovesas poidan estar listas no ano 2023. Con estes itinerarios Vilanova converterase nunha vila europea con sendas que favorecen a mobilidade alternativa, segura e sostible.