Segunda victoria consecutiva. A permanencia máis preto

futbolsala250_290408.jpgPORTONOVO > Importante victoria a que acadou o Hermanos Barbeito ante o Benavente, que deixa ós portonoveses moi preto da salvación. O Grupo Junquera, pola súa banda, rematou a temporada empatando na casa.

Importantísima victoria do Hermanos Barbeito que semella, agora máis que nunca, que pode saír do pozo. Hai escasas semanas ninguén daba un peso pola salvación deste equipo, pero os resultados das últimas xornadas outorgan certo crédito ós de Rodri de cara á permanencia, agora situada a tan só tres puntos.

No último encontro impuxéronse ó Benavente, rival directo por eludi-lo descenso. Os portonoveses saíron á pista como o soen facer, indo a polo partido dende o inicio, e desta volta saíulles ben, xa que Lito puxo o 1-0 no primeiro minuto de xogo.

Noé, pouco despois facía o segundo; recurtaron os visitantes pero Pablo Durán deixou 3-1 antes do descanso. Pese a que o Benavente saíu a por todas trala reanudación, os de Rodri souberon aguantar ben en defensa e aproveita-la súa vantaxe para impoñerse finalmente por 4-2.

A vindeira xornada enfrontaranse ó Mera Futbol Sala, equipo que agora é undécimo pero que de perder meteríase tamén en problemas.

Unha división por debaixo o Gruipo Junquera rematou a temporada e non o puido facer cunha victoria diante da súa afección. Os de Santi Iglesias empataron (3-3) co Muebles Caloto, equipo veterán pero de gran calidade.

Os vilagarciáns dominaron gran parte do encontro, pero chegaron ó derradeiro minuto por debaixo no marcador; ahí aparecería Santi, para de forte disparo facer a igualada final. O Junquera remata o ano na oitava posición, xusto na metade da táboa, con 42 puntos.

Redacción Salnés