Sete Pías recibirá os residuos industriais non contaminantes do Salnés

    setepias100_070508.jpgCAMBADOS > As empresas do Salnés poderán verter residuos non contaminantes no polígono de Sete Pías. A Deputación está a construír unha plataforma loxística

    … na que se almacenarán restos de vidro, cartón ou pequenos electrodomésticos. O presidente Rafael Louzán visitou hoxe as obras, que poderían rematar a finais de ano.

    O polígono de Sete Pías, en Cambados, contará a finais deste ano cunha planta de clasificación de residuos industriais non perigosos, na que poderán verter tódalas empresas do Salnés. Será un dos servizos que preste a denominada Plataforma Loxística Inversa, que se está a construír nunha parcela de 11 mil metros cadrados, facilitada polo Concello de Cambados.

    Ademais da nave de procesado de residuos industriais, a plataforma terá outro módulo para residuos de funcionamento eléctrico. Tamén sumará unha zona de aseos e vestiarios, departamento administrativo, foxo para almacenamento de vidro e unha báscula para pesado de camións que poderán usar tamén os polígonos de Cambados e Ribadumia. A intención é que un concesionario xestione este servizo. O presuposto da plataforma de Sete Pías ascende a catro millóns de euros. O IPESPO achega un millón e o resto finánciase con fondos FEDER, no marco do proxecto ECO-LOGISTIC.

    A maiores, a Deputación estudia a posta en marcha dun consorcio que asumiría a xestión da recollida doutros residuos, función que desenvolven arestora 36 concellos na provincia de Pontevedra. 

    Redacción Salnés