Comezan as renovacións, fichaxes e despedidas

baloncesto250_090508.jpgVILAGARCÍA > O Inelga pechará mañá a temporada en Fontecarmoa, cun sabor agridoce despois da remontada que fixeron na segunda volta para ó final quedarse ás portas da fase de ascenso. O Extrugasa pola súa banda xa rematou a liga e dende a club comézase a deseña-lo plantel do vindeiro ano.

A falta de que Ros Casares e Perfumerías Avenida rematen a súa loita polo título en Liga Feminina os demais equipos comezan a confeccionar os planteis de cara á vindeira temporada, entre eles o Extrugasa, que sabe que terá unha campaña tan exixente como o foi esta.

Por iso dende o club estase a traballar xa na renovación e adquisición de novas xogadoras para a 2008/09. Concentrarán gran parte do seus esforzos económicos na continuidade das dúas xogadoras máis determinantes, a base norteamericana Kiesha Brown e a pivot lituana Agne Ciudariene; se a renovación delas permite tamén a de Marina Kress, a bielorrusa tamén se quedará.

Xa renovaron o seu compromiso co club vilagarcián o adestrador Isaac Fernández, Sara Gómez e Miriam Herrera, mentres que María Asurmendi e Katia da Silva poderían pecha-lo nas vindeiras horas. Non continuarán nin Jo Hill, nin Leslie Ardon nin Helena Mariño, que xa rescindiron o seu contrato.

O posto de aleiro queda por tanto baleiro e deberase fichar a dúas ou tres xogadoras novas. Outras das opcións, é reconverter a Miriam e fichar a tan só unha aleiro pero de maior calidade.

Pola súa banda o Inelga pensa en rematar a temporada cunha victoria ante o Adreilu Santurtzi, segundo clasificado na Liga. Os de Juan Espiñeira xa saben que se quedarán as portas da fase de ascenso e quédalles un sabor amargo na boca por non ter reaccionado antes, despois da magnífica segunda volta que levaron a cabo. O partido será mañá sábado ás 19:00.

Por último o Establecimientos Otero non xoga esta semana, aínda que os de Diego Doval xa teñen posta a vista no día 16, cando comece o seu intento de ascenso ante o Arzúa.

Redacción Salnés