Portonovo e Céltiga desexan confirma-la súa permanencia

futbol250_090508.jpgSALNÉS > Achégase unha xornada de fútbol que se presenta máis interesante que nunca. Restan dous encontros, seis puntos en xogo e aínda queda moito que decidir por sobre todo abaixo, onde están metidos Céltiga e Portonovo.

Na parte alta da táboa o Vilalonga exprimirá ata o final as súas opcións de meterse na fase de ascenso. Como factor favorable terá que seu rival do domingo non se xoga nada, mentres que os de Crouxo e Cerceda loitan aínda pola permanencia. Unha victoria dos de Josiño o domingo en Ordes deixarílles con opcións sempre e cando tropezasen os dous equipos que lle preceden na táboa.

Un dos que lle pode facer ese favor ó Vilalonga é o seu eterno rival, o Portonovo, que recibe ó Cerceda coa necesidade imperiosa de gañar para non ter que sufrir ata a última xornada. Agora disfrutan de catro puntos de marxe co descenso, pero os de Piscis non queren xogarse a permanencia no derradeiro encontro ante Lemos, un equipo xa descendido hai semanas no que os seus xogadores levan cinco meses sen cobrar (os maletíns poderían facer acto de presencia). Todo iso soluciónase se se gaña en Baltar o domingo a partires das 18:00. 

Co Lemos xoga precisamente o Arousa, que o recibe na Lomba ás 17:00. Partido teóricamente cómodo para os locais aínda que a mala situación económica e os problemas polos que está a atravesar o club fai ata certo punto impresible o que poida pasar sobre o céspede.

O primeiro de todos en xogar será o Céltiga, a domicilio mañá ás 18:00 co Ourense B. Os de Manuel Núñez teñen na man a salvación matemática. Contan cos mesmos puntos que o Portonovo pero gáñanlle o golaverage, polo que son os mellores colocados de todos cantos non están salvados aínda. Oportunidade única por tanto para sacar os tres puntos nun campo no que os locais só foron quen de gañar un encontro en toda a temporada.

En Preferente Autonómica esta fin de semana agarda un derbi do Salnés entre Ribadumia e Unión do Grove. Será no campo da Senra o domingo ás 18:00. En xogo, o orgullo de quedar por riba do rival na xeral; agora o Unión ten 51 puntos polos 49 do Ribadumia, que de gañar o adiantaría.

Redacción Salnés