O SALNÉS > O sector do mar na súa totalidade está convocado a unha concentración da Plataforma en Defensa do Sector Pesqueiro…
… que vai a ter lugar o próximo venres en Madrid. Con esta medida, o sector pesqueiro quere deixar latente a súa preocupación ante a constante subida dos prezos do combustible que está a supoñer un serio risco para a súa economía.
A subida do prezo do gasoil foi o eixo central en torno o que xirou a xuntanza mantida onte entre o Ministerio de Pesca e a Federación Nacional de Confrarías; unha xuntanza á que os representantes dos pósitos acudiron moi preocupados pero saíron máis preocupados aínda, en verbas do seu presidente, Genaro Amigo.
Desde o gabinete de Elena Espinosa, o secretario xeral do Mar, Juan Carlos Martín Fragueiro, anunciou varias liñas de traballo deste ministerio; que pasan polo control exhaustivos das exportacións que teñan caracter ilegal, a creación dunha mesa específica para seguir á costeira do bonito que se inicia o vindeiro 1 de xullo ou a edición dunha orde vinculada á mellora da competitividade do sector pesqueiro. Asemade, anunciou unha futura reunión entre a administración, representantes do sector e administradores de combustibles para intentar rebaixar a marxe de ganancia das empresas petroleiras.
Porén, desde o MAPA avogan por buscar fórmulas para reducir a dependencia enerxética e incrementar o aforro da producción pesqueira para contrarrestar estes incrementos, e non por buscar vías de subvención directas que non son compatibles ca normativa europea.
Redacción Salnés