RIBADUMIA> Ribadumia xa goza por todo o alto da Festa do Tinto do Salnés. Esta mañá inaugurouse de xeito oficial esta LI edición, na que se dan cita 14 adegas. Pola carpa instalada en Barrantes pasaron xa ducias de persoas durante esta xornada. Por diante aínda queda moita troula, coas mellores orquestras de Galicia, o gran xantar de confraternidade ou a investidura dos valedores do viño.
Co corte de cinta, como manda a tradición, quedou inaugurada a LI Festa do Viño Tinto do Salnés e exaltación das Variedades Autóctonas. Ribadumia é dende esta mañá parada obrigada para os amantes do bo viño e do bo comer.
14 adegas danlle forma a un dos principais eventos festeiros da comarca do Salnés. Nos postos destacan a calidade e, sobre todo, o sabor deste viño único.
Virtudes que, como non, tamén saben apreciar os padais do público.
Bo ambiente, previsión dun tempo inmellorable e un cartel no que destacan as mellores orquestras galegas. Son as claves dunha edición que os adegueiros agardan inmellorable.
Unhas boas expectativas que tamén agardan dende o concello.
O alcalde destaca as actividades previstas para a xornada deste sábado, co pregón da Repunante ou o xantar de confraternidade, sen esquecerse tampouco das catas finais.
David Castro fai fincapé tamén no traballo que se está a facer para a legalización da folla redonda. Calcula que esta variedade poderá regularizarse no horizonte de 2027-2028, pero indica que nos vindeiros meses haberá novos avances neste proceso.