Varela considera ‘histórico’ o acordo cos sindicatos para a nova RPT de Vilagarcía

VILAGARCÍA> A Relación de Postos de Traballo de Vilagarcía xa é unha realidade. Esta mañá o goberno local e os sindicatos con representación no Concello ratificaron o acordo ó que chegaron hai uns días. O documento reparte en tres anualidades a suba salarial, coa intención de que se aplique dende este mesmo ano. Queda pendente aínda a aprobación da RPT en Pleno para que poida entrar en vigor.

A nova RPT do Concello de Vilagarcía contempla unha suba salarial repartida en tres anualidades. Este ano abonarase un 40%, mentres que o 60% restante repartirase entre o 2023 e o 2024. O acordo entre o goberno local e os sindicatos selouse esta mañá nun acto protocolario. O alcalde cualifica o acordo como ‘histórico’ para o persoal do concello vilagarcián. Alberto Varela agradece a implicación de tódalas partes que participaron na negociación.

O acordo non foi posible nin en tempos de Javier Gago e tamén con Dolores García. Si agora, neste segundo mandato de Varela. O socialista considera que o documento é básico, á hora de defini-los postos de traballo e as súas funcións dentro da administración local.

Os sindicatos, en representación duns 300 traballadores, tamén celebran o acordo. Un argumento que tamén comparte o alcalde, que considera este documento ‘un punto de partida’ para futuras modificacións nos vindeiros anos.  Trala sinatura desta mañá só resta leva-la RPT ao pleno para a súa aprobación e posterior entrada en vigor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí