Telmo aposta por levar a Ence e Elnosa ata o polígono de O Campiño

    PONTEVEDRA  > Tras varias semanas de espera despois de que Telmo Martín anunciase o proxecto no que estaba a traballar o seu partido para o traslado das factorías …

    … de Ence-Elnosa, onte, nunha presentación concisa por mor da presión do partido da Eurocopa, o popular fixo pública a súa proposta. Unha ampliación do polígono industrial do Campiño é lugar que propón o grupo municipal para reinstalar Ence, dentro dun proxecto máis ambicioso, que tamén inclúe a creación dun Parque Tecnolóxico do Papel na cidade.

    A directiva galega do PPdeG, con Alberto Núñez Feijóo coma presidente rexional do partido, e Alfonso Rueda coma secretario xeral, estiveron onte no auditorio pontevedrés de Caixanova xunto con outros políticos do PP para apoiar a proposta de Telmo Martín para o novo emprazamento de Ence-Elnosa. Tamén estiveron alí responsables dos principais organismos socias e económicos da cidade, así coma veciños que querían escoitar a palabra que máis expectación xerou nestes días en Pontevedra, a nova localización para a industria de celulosas.

    O parque industrial do Campiño na parroquia de Marcón é, para Telmo Martín e o seu equipo, o lugar máis axeitado para trasladar á industria. Trátase dun novo espazo dunha extensión de 600.000 metros cadrados, do cal unha parte xa está incluído no avance do Plan Xeral coma chan industrial, con poucas vivendas nas súas proximidades, e que estaría conectado con vías de alta capacidade coma a Circunvalación que vai crear o Ministerio de Fomento. Pero sobre todo unha localización que permite cumprir dous principais obxectivos do Partido Popular, quitar Ence da Ría e conseguir á vez que esta non se vaia do concello, de forma que se poida rehabilitar a fachada marítima e crear algo máis de 1.600 novos postos de traballo.

    Pero o proxecto dos populares non se limita só a un traslado da factoría. A súa aspiración é a de crear un Parque Tecnolóxico do Papel no polígono do Campiño que, rodeado por un cinto verde que diminuia o impacto paisaxístico do complexo, tamén albergue unha nova depuradora, unha planta de biomasa, un Instituto Universitario do Papel para a investigación, e dúas fábricas coas que pechar o ciclo do produto na cidade, unha de papel tisú e outra de papel avanzado. Con isto converteríase a Pontevedra nun referente mundial da industria forestal.

    Agora a decisión de que este proxecto saia adiante, só depende advirte Martín, dos pontevedreses, aludindo á próxima cita electoral.

    Redacción Salnés