O Deiro cae na final de Copa trala lotería dos penaltis

deiro250_010708.jpgA ILLA > O domingo, ademais da final da Eurocopa, tamén se xogou a final da Copa Deputación de futbol afeccionado. O Salvador Otero da Illa acolleu un encontro no que o Deiro fixo un gran xogo pero acabou caendo nos penaltis co San Andrés, que se levou o título.

Pelouno duramente pero ó final o Deiro non puido poñer o colofón á gran temporada que realizou, na que acadou o ascenso a 2ª Autonómica. A Copa Deputación foi a caer a mans do San Andrés, que aguantou o tipo durante os noventa minutos de xogo e logo estivo moito máis acertado na tanda de penaltis.

O equipo dirixido por Ricardo Dios saíu en tromba nos primeiros compases, acosando dende o inicio ó seu rival e froito desa valentía púxose en vantaxe ós cinco minutos, grazas a un gol de Iago de libre directo.

As ocasións sucedíanse e sempre a favor dos vilanoveses, que viron como o propio Iago e despois Nando enviaban dous balóns ó poste. O San Andrés mentres aguantaba o tirón. Conforme foron pasando os minutos o partido igualouse e o San Andrés tivo unha ocasión inmellorable para empatar, nun penalti que Guillermo mandou fóra.

Pero a fortuna aliouse con eles e deulles outra oportunidade tamén en forma de penalti que desta volta Rubio materializou poñendo o empate a un gol no taboleiro de marcas a cinco para o descanso.

Tralo paso polos vestiarios, os arousanos continuaron a dominar e a crear perigo pero xa non serían quen de poñerse en vantaxe; así as cousas, a finalísima decidíuse nos penaltis.

E ahí de novo a falta de acerto dos de Ricardo Dios quedou patente; Jorge, Johan e Iago erraron tres lanzamentos dende os once metros que lle deron o título a un San Andrés, que recolleu o trofeo de campión de mans do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán.

Os penaltis que lles deran o acceso á final quitoulle o título a un Deiro que mereceu a victoria pero que quedouse ás portas de firmar un doblete histórico.

Redacción Salnés