Comeza en Vilagarcía o Cpto. de España Clase Cadete

vela250_020708.jpgVILAGARCÍA > Hoxe realizáronse no porto de Vilagarcía as medicións dos barcos que mañá tomarán parte no Campionato de España de Clase Cadete. A competición prolongarase durante catro días, ata o domingo, e nela participarán ata 19 embarcacións do Liceo Casino.

O Liceo Casino volve a poñerse á cabeza nacional en canto á organzación de regatas se refire. Xa teñen comprometido o campionato nacional de Platú25 para o vindeiro ano, no mes de maio, así como os de Radio Control e Snipe.

Estes días os que se acheguen polo porto poderán segui-las evolucións dos rapaces que están a disputar o nacional en Clase Cadete. Bátese o record de participación este ano con 56 embarcacións, o que traerá de novo moitísima xente a Vilagarcía, entre deportistas, pais e monitores.

Esta clase é a elexida por tódolos rapaces para iniciarse no mundo da vela xa que poden participar ata ós 17 anos; os barcos contan con dous tripulantes nos que soe ir o maior en idade exercendo de patrón e o pequeno de axudante, polo que se forma unha cadea de aprendizaxe interesante.

No estrictamente competitivo, hoxe fixéronse as medicións dos barcos para igualar as características dos mesmos. Serán tres probas por día, ata o domingo, polo que se farán doce mangas das que sairá o campión nacional nesta categoría. Dos dezanove barcos que participan do Liceo Casino, cinco deles parten coma favoritos (por seren os cinco primeiros no Campionato Galego), xunto cos que traen o Club del Mar de Almería e o RCN de Andratx (Baleares).

Ademais, e por se fora pouco, as sete primeiras embarcacións gañaranse o dereito a representar a España no vindeiro Campionato do Mundo da clase, que se disputará este ano en Medemblick, Holanda.

Redacción Salnés