As nais das vítimas das drogas protagonizan a entrega do Pazo de Baión

    VILANOVA > Esta mañá tivo lugar a entrega simbólica do Pazo Baión a autoridades e ós colectivos cívicos que protagonizaran as protestas contra o tráfico de drogas na …

    … nosa comunidade. No que fora un dos maiores símbolos do narcotráfico galego, levouse a cabo un acto de lembranza ás miles de persoas que levaron por diante as drogas, e de homenaxe ós que loitaron contra elas.

    Carmen Avendaño, acompañada polo Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o Ministro de Sanidade, Bernat Soria, e outras autoridades, abriu esta mañá as portas do Pazo Baión que, hai case vinte anos, as nais dos drogodependentes intentaran derribarlle a Laureano Oubiña. Foi unha posesión simbólica da antiga residencia do narco arousá na que tamén estiveron moitas das familias arruinadas pola droga, que emprenderan os movementos cívicos que fixeron posible a concienciación social do problema da toxicomanía. A elas, e ós miles de mozos que deixaron atrás as drogas, estaba dedicado ó acto desta mañá.

    A entrada do pazo soubo a xustiza, logo de 18 anos da operación Nécora e de máis de 20 de loita de moitas familias galegas contra o tráfico de drogas. Unha loita que culminou co embargo do pazo no ano 1995 á familia Oubiña-Lago, e que agora é propiedade da cooperativa vitivinícola Condes de Albarei. Algún dos xuíces e fiscais que coma Javier Zaragoza perseguiron dende a xudicatura ós contrabandistas, tamén estiveron esta mañá no acto do Pazo Baión. A eles, tamén se referiu o Ministro de Sanidade, Bernat Soria, ó que se lle entregou de xeito simbólico o cadeado que pechaba o mausoleo creado cos cartos das drogas por Laureano Oubiña.

    Os novos donos do Pazo Baión farán agora das instalación e do terreo que as rodea un centro de enoturismo, do que se destinará parte da súa recadación ós programas de prevención de drogodependencias. E é que malia que a posesión do inmoble simbolizou unha vitoria contra o narcotráfico en Galicia, o problema das drogas aínda continúa.

    Redacción Salnés