CAMBADOS> A pesar de non rexistrarse ningunha atención nos centros sanitarios nin ningunha denuncia ante as forzas de seguridade durante as festas do Albariño de Cambados, algunhas rapazas advirten que si que sufriron picadas mentres se atopaban nos concertos. Unha delas quixo contar no Canal Rías Baixas a súa testemuña.
Durante as festas do Albariño, saltou a alarma de que durante os concertos estaban picando a mozas que estaban a sufrir mareos e náuseas. Uns rumores que foron desmentidos pola dirección da área sanitaria, advertindo que en ningún centro médico nin hospital atenderan a ningunha moza con molestias derivadas dunha picada, e polas forzas de seguridade, que tampouco rexistraron ningunha denuncia. Aínda así, houbo rapazas que continuaron asegurando que sufriran algún tipo de picada. Unha delas, natural de Cambados e de 18 anos, gardando a súa privacidade, conta o que sufriu aquel día.
A rapaza atopábase na praza do concello gozando da actuación do Combo Dominicano. Asegura que non bebera alcohol nin consumira ningunha droga pero que de repente comezou a sentirse mareada e que veu sangue no seu brazo.
O punto morado estaba pechado ese día, así que a rapaza acudiu á garda civil e posteriormente ao centro sanitario.
A moza lamenta que non centro sanitario non lle fixeron ningunha proba.
A rapaza tampouco entende que se estean negando testemuñas como a dela.
A pesar das declaracións, dende o Sergas, as forzas de seguridade e as administracións insisten en que non se rexistrou nin se denunciou ningún caso con síntomas derivados dunha picadura. Atendendo a ambas versión non se pode determinar se houbo picadas, se no caso de que existisen contiñan algunha substancia ou se as marcas foron provocadas por algunha persoa buscando causar medo e confusión.