Cambados pon en marcha melloras do firme nas avenidas de Vilagarcía e da Coruña

CAMBADOS> Batería de obras en varias vías de Cambados. O goberno local está a reasfalta-la Avenida de Vilagarcía, xusto un ano despois de que a Xunta cedese a súa titularidade ó Concello. A esta actuación seguiralle outra mellora na Avenida da Coruña.

Unha das principais vías de acceso a Cambados está sendo obxecto dunha fonda mellora. É a Avenida de Vilagarcía, por onde acceden á localidade moitos coches particulares, pero tamén a meirande parte dos vehículos pesados, unha vez eliminados da Avenida de Vilariño.

Os traballos consisten no fresado da capa de rodadura e  no reasfaltados dunha superficie total duns 2.000 metros cadrados. A actuación ten un orzamento que rolda os 20.000 euros.

Calcúlase que estes traballos poderían estar rematados o vindeiro luns. A semana que vén tamén arrancará outro dos proxectos que ten en marcha o concello cambadés: unha actuación semellante na avenida da Coruña, que inclúe tamén unha construción dunha beirarrúa .

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou onte melloras no vial no porto de Tragove e na senda marítima que vai ó Corvillón. O reasfaltado desa vía conta xa co visto bo de Costas.

Dende o Concello salientan a urxencia desta actuación, tendo en conta que ese vial dá acceso a preto dunha ducia de depuradoras instaladas nesa contorna.