Un vilanovés, entre os detidos na desarticulación dun dos principais grupos de narcos galegos

    huracan100_060808.jpgSALNÉS > A Policía Nacional culminou na madrugada de onte a operación ‘Huracán’ coa detención de seis galegos, un deles de Vilanova …

    huracan300_060808.jpgSALNÉS > Axentes da Policía Nacional culminaron na madrugada de onte a operación ‘Huracán’ desenvolvida nos últimos días contra o narcotráfico galego. O grupo desarticulado é considerado un dos máis importantes dentro do tráfico de estupefacientes en Galicia.

    En total, foron detidas once persoas, entre elas os responsables do grupo de ‘narcotransportistas’ galego, e interviñéronse 2.500 quilos de cocaína que eran transportados a bordo da embarcación interceptada en alta mar na madrugada do pasado día 26 de xullo. Ó parecer a misión deste barco era subministrar unha importante partida de cocaína que transportaba a outro buque controlado por unha organización española de traficantes e con destino final ás costas galegas.

    NO MAR E EN TERRA

    O barco nodriza, que no momento da abordaxe non portaba bandeira algunha, foi identificado como ‘Río Manzanares’, matriculado en Venezuela. Na súa cuberta atopáronse 80 fardos de cocaína cun peso aproximado de dúas toneladas e media. Os cinco tripulantes, todos de nacionalidade venezolana, foron detidos nese momento. A investigación policial continuou ata localizar e deter ós responsables do grupo de traficantes españois.

    En Galicia, na madrugada de onte, axentes do GRECO e da UDYCO detiveron ós seis responsables deste cargamento e rexistraron os seus domicilios. Dos detidos en Galicia, catro formaban parte do grupo de ‘narcotransportistas’ galego encargados de buscar a droga no Atlántico e que tiñan todo planificado para que esta cocaína fora transportada ata as costas galegas. Os outros dous eran os responsables da organización colombiana en España, sendo unha das primeiras veces que esta misión se atopa tamén en mans de cidadáns galegos.

    UN VILANOVÉS ENTRE OS DETIDOS

    Entre os detidos hai algún empresario e armadores vinculados co mundo da pesca, tanto en Galicia como en Sudamérica, así como tres personas moi coñecidas dentro do narcotráfico galego. Unha delas, Ángel Manuel B.B de Cedeira, que actualmente se atopaba en liberdade condicional, controlaba a entrada de cocaína pola Costa Norte de Galicia, tendo un largo historial en descargas.

    Os outros dous son os embaixadores da organización colombiana: Manuel D.V, vilanovés do Clan dos Piturros formaba parte do grupo relacionado cos proveedores colombianos; e Francisco Javier P.A., de Vigo, mantiña un contacto permanente cos subministradores colombianos, representando os seus intereses en España, e era o encargado de coordinar a operación de entrega da droga, desprazándose para isto a Colombia en numerosas ocasións. Os galegos detidos atópanse desde onte nas dependencias do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra e mañá serán trasladados á Audiencia Nacional.

    A operación policial, tutelada polo Xulgado Central número 5 da Audiencia Nacional, foi efectuada por axentes do GRECO Galicia, adscrito á Comisaría Xeral de Policía Xudicial, e da UDYCO da Xefatura Superior de Galicia. Ademais, na abordaxe do barco interceptado en alta mar colaboraron axentes do GEO da Policía Nacional e o buque Petrel da Axencia Tributaria, encargado de remolcar o barco cargado cos fardos de cocaína ata o Arsenal Militar das Palmas de Gran Canaria, onde chegaron esta mesma mañá.

    Redacción Salnés