Agochaba as armas coas que estragaba os viñedos nun nicho do camposanto

    cemiteriolores100.jpgMEAÑO > A Garda Civil detivo ó sospeitoso de estragar as viñas de varios veciños de Lores, en Meaño. Os axentes…

    …tamén atoparon nun nicho do camposanto da parroquia as armas que supostamente empregou o home para provocar os danos nos viñedos.

    A vinganza parece ser o móbil destes feitos. O detido xa foi posto en liberdade con cargos.

    Ata dúas veces detivo a Garda Civil ó veciño de Lores sospeitoso de estragar os viñedos de albariño de varios veciños da parroquia meañesa. A primeira vez, foi por cando os axentes descubriron que podía ser o autor destes delitos, e a segunda, cando atoparon agochados nun nicho do camposanto varias armas coas que supostamente o home levou a cabo os cortes das cepas de varias viñas.

    Os danos causados poderían acadar os 150.000 € en perdas, xa que se reproduciron nun bo número de casas. Segundo parece, os viñedos estragados son todos dos veciños que hai uns anos testificaron en contra do sospeitoso, que foi condenado no 2006 por ferir de gravidade a un home cunha ferramenta.

    Os habitantes da parroquia meañesa, que chegaran a facer gardas para vixiar os seus viñedos, viven agora con máis medo no corpo, logo de que se atoparan as armas no camposanto, ó carón do que vive o sospeitoso.

    O sospeitoso está agora en liberdade con cargos, acusado de realizar os danos nos viñedos, de tenencia ilícita de armas e dun presunto roubo, xa que a escopeta encontrada no cemiterio era doutro veciño de Lores.

    Redacción Salnés