Contundente vitoria do Arosa e empate para o Céltiga

arosa250_201008.jpgVILAGARCÍA > O Arosa logrou unha contundente vitoria ante o Rápido de Bouzas por 4-1, mentres que o Céltiga volve á Illa cun punto, tras empatar 1-1 na casa do Narón.

4-1. Foi o contundente resultado acadado polo Arosa no partido que disputou onte na Lomba fronte ó Rápido de Bouzas. Unha vitoria que lle permite escalar varios postos na clasificación. Tras varios intentos, o Arosa tivo o seu premio no minuto 30, tras sacar Padín unha falta lateral que Nelo empuxou dentro da portería de Gael.

Os vigueses non reaccionaron ata a volta do descanso. E no primeiro minuto de xogo Álex Fernández cabeceou un centro desde a esquerda e logrou o empate. Tras dez minutos de dúbidas, o Arosa púxose por diante grazas a un golazo de Hugo. Padín, pouco despois executou unha falta directa que supuxo o terceiro, e cinco minutos máis tarde sentenciaba o 4-1.

UN PUNTO PARA A ILLA 

O Céltiga rescatou un punto no campo do Narón, grazas ó tanto de Albert dous minutos por riba do tempo regulamentario. Un empate que lles sabe a vitoria. O equipo da Illa practicamente regalou os primeiros 45 minutos de partido. De feito o gol local chegou tras un saque de esquina a favor do Céltiga que se converteu nun contragolpe do Narón que levou a Efrén a abrir o marcador.

No descanso Josiño Abalde cambiou a táctica con máis presenza en ataque provocando xogadas de perigo. Deulle entrada a Albert, que tras varios avisos marcou o 1-1 definitivo xa no tempo de desconto.

Redacción Salnés